A supervivencia nos casos de cancro infantil é a día de hoxe dun 80%
O Hospital Álvaro Cunqueiro sumouse este venres ás Asociacións Bicos de Papel e ASANOG (Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia) para celebrar o Día Internacional do Cancro Infantil.
Ademais das accións propiamente informativas, as Asociacións desenvolveron actividades lúdicas dirixidas especificamente a estes pequenos pacientes e fixéronselles entregas de diversos regalos.
O artista Manu Escudero interpretou para os nenos e nenas do Hospital de Dia Pediátrico algúns dos temas do seu novo albúm “Manu Escudero -en acústico” que acaba de ser presentado; en especial, el tema “Conmigo vas a contar” composto especialmente para darlles esperanza a estes nenos que están loitando contra unha enfermidade oncolóxica.
150 menores atendidos
O cancro que afecta en maior medida aos menores é a leucemia. Séguenlle os tumores do sistema nervioso central e os linfomas
Durante o pasado ano, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) foron diagnosticados 22 casos novos. En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 150 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.
Nestes momentos, hai 12 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 10 pacientes. O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan.
Ademais, nas consultas de oncoloxía pediátrica do CHUVI realízase un seguimento de pacientes con síndromes xenéticos con predisposición ao cáncer, para realizar un diagnóstico de precoz.
Gran melloría dos tratamentos
O cancro infantil non se pode previr polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida.
Segundo explica a oncóloga da Unidade de Oncoloxía pediátrica do CHUVI, Maria Tallón “nos últimos tempos tense avanzado moito nestas patoloxías, e grazas a unha importante melloría dos tratamentos protocolizados, o índice de supervivencia ven incrementado anualmente. Nestes momentos, segundo reflicten os últimos datos do Rexistro Español de Tumores Infantís, o índice de supervivencia é dun 80%, polo que hai que ser optimistas en relación con estas enfermidades”.
Os puntos claves son un diagnóstico précoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.