Galicia Vigo al minuto

@Xunta analiza cos veciños de Valadares o proxecto de mellora da PO-330 en Vigo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez  analizou este luns cos veciños de Valadares e cos comerciantes de Pereiró o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO- 330 en Vigo.

Os obxectivos deste proxecto, no que a Xunta investirá máis dun millón de euros, son a mellora da seguridade na estrada Vigo- Vincios, no treito entre os puntos quilométricos 5+700 e 6+800, en Valadares, así como a urbanización da contorna de Pereiró.

O proxecto contempla o acondicionamento dos primeiros 450 metros da estrada, entre a glorieta que está fronte ao cemiterio de Pereiró e serve de enlace co vial da Universidade. Na contorna do Colexio Barreiro, achegarase o paso de peóns do punto quilométrico 3+210 ao centro, tomando as medidas de calmado de tráfico precisas.  Na zona do Portal, no punto quilométrico 4+300, acometerase unha glorieta para facilitar o acceso á piscina e os cambios de sentido no vial. Tamén se executará un muro de contención e se canalizará parte dun regato.

Do mesmo xeito, se prevé unha glorieta na intersección coa estrada A Garrida-Valadares, “posto que se trata dun cruce cun tráfico de vehículos pesados elevado ao dar servizo a dous polígonos industriais, unha canteira, o miradoiro do monte Alba e estar moi próximo á AG-57″.

Na parroquia de Valadares, entre os puntos quilométricos 6 e 6+700, executarase un carril central de espera para resolver de forma segura o acceso ao colexio Andersen. O proxecto tamén inclúe a reparación de beirarrúas nesta estrada e a mellora da sinalización e a iluminación dos pasos de peóns.

You may also like