Comarcas

@ArboConcello rebaixa un 10% o recibo do lixo

O Pleno do Concello de Arbo vén de aprobar, á proposta da Alcaldía e da Concellería de Facenda, a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa de recollida de lixo para trasladar aos usuarios do servizo o aforro, obtido polo Concello, coa aplicación da bonificación do 10% no  canon unitario de tratamento de residuos urbanos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA).

Hai un ano, o alcalde solicitou a aplicación de dita bonificación declarando asumir o compromiso de adoptar as medidas para trasladar, con efectos económicos, o importe equivalente ao da devandita bonificación ás persoas beneficiarias do servizo, procurarando unha redución de residuos medíante o mantemento ou a aprobación de novas medidas que fomenten a recollida selectiva, orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional ou ao fomento da reciclaxe dos envases lixeiros.

Con esta bonificación o Concello obtivo un aforro no canon a aboar a SOGAMA polas toneladas entregadas polo servizo municipal durante o ano 2019, aforro que se obterá tamén durante o 2020, e que se pretende trasladar aos usuarios do servizo a través dos recibos da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo emitidos durante o ano 2020, buscando así repercutir directamente dita bonificación no canon unitario nas persoas usuarias e beneficiarias  do servizo.

Horacio Gil, salientou que esta modificación suporá un aforro no pago  do lixo é farase efectiva nos vindeiros recibos.  “Non é a primeira ordenanza que este goberno  modifica facendoa máis ventaxosa para os arbenses”, sinalou o alcalde quen lembrou que, “nos últimos anos, dende a chegada deste goberno, modificouse a ordenanza da auga, piscinas municipais, I.C.I.O sempre pensando na economía, na creación de emprego e no benestar dos habitantes deste municipio “

Gil concluiu que, “con estas medidas tamén se pretende reducir a cantidade de lixo que se bota ao colector xenérico, e promover a reciclaxe. Deste xeito darase un paso máis no compromiso de respectar ao medio ambiente e na concienciación municipal con respecto á importancia de actuar para reducir o volume de residuos que se xeran na actualidade”.

También te puede interesar