Cultura

@depo_es aproba unha nova liña do Plan Concellos que permitirá contratar a 116 persoas

O Goberno da Deputación vén de aprobar a primeira relación da Liña 2 e a sexta concesión de subvencións da Liña 3 do Plan Concellos. Así o anunciou Carmela Silva, explicando que o investimento total destes dous paquetes de accións de cooperación ascende a case 2 millóns de euros.

Desta cantidade, 722.675,61€ corresponden á Liña 2 de amortización, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades; mentres que outros 1.248.031,89€ derivan das achegas da Liña 3 de Emprego.

Un total de 18 concellos serán beneficiarios da Liña 2 (Agolada, Baiona, Barro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Moaña, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Portas, Silleda e Vilagarcía de Arousa).

Sobre a finalidade destes investimentos, Carmela Silva explicou que a maioría de peticións dos 18 concellos que entran nesta nova xeira van estar dedicadas a actividades sociais.  Deste xeito, Barro solicita 30.000€ para a Festa do Viño, Cerdedo-Cotobade 23.000 para a Festa do Petote, a Transgalaica, os Campamentos e o Entroido e Baiona 52.000 para a Festa da Arribada e Sons do Casco, entre outras. A presidenta concluíu, á vista da relación, que o apoio da Administración provincial permite aos concellos celebrar “as súas grandes actividades culturais, sen ter que contar con tódolos recursos que poñemos á súa disposición dende outras áreas”.

Por outra banda, a sexta concesión de subvencións correspondente á Liña 3 de emprego achegará investimentos a 7 concellos da provincia: Barro, Catoira, Gondomar, Lalín, Mondariz, Poio, Sanxenxo. “Estes concellos van contratar 116 traballadoras e traballadores municipais, entre os que se atopan operarios de parques e xardíns, administrativos, técnicos ou técnicas de turismo, animadores ou animadoras socioculturais. Trátase, por tanto, de empregos que permiten atender a cidadanía en todos os eidos dos servizos dos concellos”, comentou a presidenta da Deputación sobre os perfís solicitados.

Así, a selección deste persoal faise, entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020.

También te puede interesar