O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar ao Goberno do Estado que ordene a retirada do recurso interposto polo avogado do Estado no proceso de concurso de Vulcano. O deputado no Congreso Néstor Rego, refírese ao recurso presentado no que ten que ver coa concesión portuaria, imprescindible para que a actividade de construción naval sega nos terreos que ocupa o astaleiro.
Rego advirte de que “a desaparición de Vulcano como estaleiro, que representa un impacto en termos laborais de máis dun milleiro de empregos directos e indirectos, supoñería ademais un forte golpe sobre a industria auxiliar xa moi debilitada polas débedas doutros estaleiros e pola falta de carga de traballo”.
Ademáis dende o Bloque pídese ao Goberno central que valore a actuación do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, o dirixente do Partido Popular Enrique López Veiga que, subliña o deputado do BNG “se demostrou deliberadamente hostil e contraria á continuidade de Vulcano, empregando todo tipo de artimañas para dificultar, cando non boicotear, calquera posibilidade de relanzamento da actividade naval nas súas instalacións”.
O obxectivo que persegue Enrique López Veiga é o de facer inviábel a poxa para a construcción naval polo espazo de Vulcano, que abrangue a concesión pública dunha parcela de 30 mil metros cadrados de dominio portuario e o acceso ao mar, “coa pretensión de destinala a outros usos distintos á construción ou reparación naval”.