A Área Sanitaria de Vigo está a facer unha análise da situación sanitaria dos residentes ingresados nos centros da terceira idade e nos centros sociosanitarios desta área.
A actuación realízase ao amparo da tutela que asumiu a Xunta de Galicia sobre estes centros, tanto públicos como privados, durante a actual pandemia.
Así, equipos de Atención Primaria, compostos por médicos/as de familia e persoal de enfermaría, comezaron este xoves a visitar estes centros -un total de 71 con 4.378 residentes– co obxectivo de “avaliar, in situ, a situación sanitaria de cada un deles”, indican dende o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Nestas visitas, os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde, manteñen xuntanzas coas Direccións destas entidades e cos seus equipos asistenciais, para posteriormente realizar un informe da situación, que recolle as características de cada centro -datos estruturais, físicos, humanos, dotación de medios asistenciais e actividades- así como a dispoñibilidade dun Plan de Continxencia para o COVID 19.
A partires desa visita presencial establecerase un circuíto de comunicación para realizar un seguimento dos posibles casos sospeitosos, das medidas que se aplican en cada un dos pacientes, do tratamento preciso e, de ser necesario, da coordinación co servizo de Medicina Preventiva para realizar a toma de mostras.
Equipo COVID Residencia
Ademais, ven de constituirse un novo equipo COVID Residencias, liderado polo servizo de Xeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), para coordinar co persoal sanitario de Povisa e Atención Primaria, a atención sanitaria da poboación residente neste centros.