Marea de Vigo trasladou ao Goberno local un escrito no que propoñen algunhas cuestións para ter en conta en canto ao persoal de empresas adxudicatarias de contratos publicos dependentes da entidade local.
No escrito, Marea de Vigo pídelle ao Concello que clarifique, mediante resolución inmediata, que servizos concesionados municipais teñen a consideración de ser indispensables para o mantemento e seguridade dos edificios e a axeitada prestación dos servizos públicos, establecendo así a posibilidade de suspensión do servizo dos restantes, evitando deste xeito a xeración de Expedientes Regulación Temporal de Emprego.
Do mesmo xeito, pídese establecer un acordo negociado con empresas e representantes dos traballadores e traballadoras de certas concesionarias coma a de mantemento de parques e xardíns, mantemento de parques infantís e biosaudables e servizos semellantes, no que se garantan servizos mínimos nestes servizos pero mediante o formato de permiso retribuído e no que se pacte por acordo entre partes a recuperación de horas posterior á crise para que no prazo de 1 ou 2 semanas todas as instalacións e superficies axardinadas estean en perfecto estado.
Marea de Vigo esixe ademais que o Concello manteña a seguridade na Casa da Cultura e Casa das Artes, xa que, a pesar de non ter vixilancia nocturna antes da crise, na quenda de día se comprobaba o estado das instalacións e, tendo presentado un ERTE a empresa concesionaria (empresa que adebeda salarios) por eses traballadores, estas instalacións van quedar abandoadas durante mínimo 15 días.