Diante dos anuncios relativos á posíbel instalación dun hospital de campaña no IFEVI, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que antes de aplicar medidas extraordinarias como esa se interveñan e mobilicen todos os recursos da sanidade privada de Vigo para os poñer ao servizo do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
“Antes dun hospital de campaña o que hai que facer é poñer ao servizo do Sergas todos e cada un dos recursos dos hospitais, centros médicos e clínicas da sanidade privada que hai na cidade, tal e como está a demandar o propio persoal sanitario e as organizacións sindicais”, explicou o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas fíxose eco das advertencias que por parte dos sindicatos se teñen feito nos últimos días alertando da infrautilización de camas e recursos da sanidade privada para facer fronte á crise do coronavirus. “Temos que robustecer a capacidade de resposta e acción da sanidade pública e iso pasa por mobilizar todos os recursos, tamén os da privada”, remachou.