Diante do aumento da demanda de material de protección individual e as dificultades para cubrir a necesidade que hai do mesmo, o Concello puxo en marcha unha iniciativa de colaboración veciñal para a confección de batas e mascarillas reutilizables, a partir de tecido de uso sanitario financiado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), e que aporta a coordinadora do equipo solidario de bastas e mascarillas de Ponteareas, Maite Isla.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello achega os tecidos xa cortados ás casas dos veciños e veciñas que o soliciten, que aportarán o seu gran de area coséndoos. Finalmente, será tamén o propio Concello o encargado de recoller o material rematado.
Este martes realizouse a primeira entrega de material para a confección deste material a 10 persoas da vila, nas súas casas, grazas á colaboración da taxista Nieves González.
Segue a entrega de material de protección
Continuando coa iniciativa de facer chegar ‘material de seguridade e protección’ aquelas persoas que traballan nas Neves atendendo ás veciñas e veciños, o Concello vén de entregar 20 batas de alta protección coas súas correspondentes mascarillas, 1 caixa de luvas de nitrilo e 1 pantalla, á coordinadora e algunhas auxiliares de Atendo que fan o Servizo de Axuda no Fogar.
Esta achega súmase as que se están a facer nos establecementos que seguen abertos coma supermercados, farmacias, tendas, quiosco ou a gasolineira e xa se comunicou a todos os establecementos da vila que soliciten as batas, mascarillas e pantalals que precisen.
Ao mesmo tempo, onte quedou instalada no Centro de Saúde a mampara solicitada ao Concello para separar unha zona específica onde sexa posible atender as nenas e nenos de Pediatría que cheguen ao centro con febre e reforzar, aínda máis, a seguridade de cantos teñen que ir ao médico.
Persoal de Concellería de Servizos Públicos segue coa desinfección que dende hai dez días estase a realizar nos lugares máis transitados das Neves-coma gasolineiras, farmacias, supermercados, panaderías, bancos, parada de taxis, tendas, o Centro de Saúde, prazas ou a oficina de Correos-, ademais de todos os edificios públicos e 331 puntos nos que se atopan as illas e contedores do lixo-.
Este traballo faise en todas as parroquias, poñendo especial coidado nas zonas nas que é máis habitual o paso e o movemento de veciños e que, subliña o concelleiro de Servizos Públicos e segundo tenente de alcalde, Óscar González, “se repetirá as veces que sexa necesario para que diminúa ao máximo calquera risco que puidese existir de contaxio”.