Comarcas

@depo_es rescata por medio de Caan outros 3 cachorros de can abandonados na zona do Deza

Tan só días despois do rescate da cadela Lara e os seus sete cachorros dunha situación extrema en Crecente, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra realizou dúas intervencións para salvar dun tráxico final a outros 9 cachorros abandonados en dous concellos da comarca do Deza.

No primeiro caso, o persoal do CAAN rescatou a 3 cachorros atopados nunha explotación gandeira en Rodeiro. As circunstancias da aparición destes animais (dúas femias, Rona e Roma, e un macho, Ron), que tivo lugar o pasado Xoves Santo, 8 de abril, apuntan a que foron abandonados no devandito lugar. Amais, dous deles apareceron no interior dunha fosa de zurro e de non ser pola rápida intervención do persoal do centro da Deputación expoñeríanse a unha morte segura.

Na zona onde se atoparon os animais, que teñen dous meses de idade, sitúanse varias explotacións
gandeiras e apenas hai vivendas próximas, polo que a hipótese do abandono cobra forza. Afortunadamente, os cachorros atópanse en aparente bo estado e están a recuperarse e ser coidados polo persoal do CAAN, que xa procedeu a súa desparasitación.

E o pasado luns o centro rescatou a unha cadela, Laila, e os seus 6 cachorros (Suso, Antón, Lois, Breixo, Ramón e Leal) que estaban abandonados en Outeiro, na parroquia de Moneixos en Lalín. O CAAN foi alertado pola Policía Local do concello da presenza dos animais e tralo seu rescate, o persoal do centro comprobou que as crías
teñen un mes e se atopan en aparente bo estado, aínda que se están a extremar os coidados pola delicada saúde que habitualmente presentan os cachorros a esa idade.

Con estes animais son xa 36 os recollidos polo centro dependente da Deputación desde que se decretou o Estado de Alarma polo COVID-19. A presidenta provincial,

Carmela Silva, fixo un chamamento contra o abandono de cans e cadelas nesta época de confinamento, “e de todos os animais que dependen de nós, que nos fan tanta compañía e que non merecen un maltrato tan brutal como é o abandono. Os animais nunca nos abandonarían, nin no noso peor momento, son incondicionais e a nosa resposta ten que ser coidalos e darlles o noso amor”.

Silva lembrou que durante o Estado de Alarma o CAAN está pechado ao público e ten as adopcións suspendidas, pero mantén o seu servizo de lacería para casos de atención necesaria.

También te puede interesar