Comarcas

@ConcelloNigran entrega mascarillas especiais para que as persoas xordas poidan ler os beizos

O Concello de Nigrán iniciou o reparto de mascarillas especiais para que as persoas xordas se poidan comunicar mediante a lectura dos beizos, xa que, como particularidade, a parte correspondente a esa zona é de plástico transparente.

Todas elas foron elaboradas artesanalmente polo grupo de 18 voluntarios e modistas da comarca #YoMePongoACoser, pioneiros na Val Miñor nesta iniciativa altruísta e aos que o Concello subministrou o plástico que permitiu confeccionar estas primeiras 30 unidades. O consistorio xa adquiríu unha nova remesa de plástico e os voluntarios irán entregando máis mascarillas a medida que vaian facendo.

“O grupo #YoMePongoACoser comentounos esta idea porque coñecen o noso programa municipal ‘Un Nigrán para todos’ que busca a plena inclusión mediante diferentes fórmulas, como as mochilas vibratorias para que as persoas xordas gocen dos concertos, e por suposto que nos pareceu totalmente acertada a proposta. Aínda que non están homologadas porque se fabrican artesanalmente, permiten romper a barreira lingüística con eles evitando ao mesmo tempo a propagación do virus”, explica o alcalde, Juan González, quen esta mañá entregou as primeiras entre persoas xordas do municipio. “A idea é que sexan precisamente elas as que as faciliten ás persoas con que manteñen contacto e coas que precisan comunicarse de xeito seguro, pode ser un familiar ou un dependente dun establecemento, etc, o que consideren”, incide o rexedor, quen subliña que desde o Concello tamén se farán chegar ao centro de Saúde de Panxón e ao da Xunqueira, este último centro de referencia do coronavirus na comarca.

“Seguiremos traballando en todas aquelas iniciativas que permitan que o coronavirus non cree unha doble barreira cos colectivos con discapacidade, o programa ‘Un Nigrán para todos’ segue especialmente vixente nesta situación e por iso apostamos por estas mascarillas“, conclúe o alcalde.

También te puede interesar