Vigo al minuto

@bngvigo advirte de que as obras públicas do Concello non cumpren as medidas de seguridade fronte ao coronavirus

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que demandará, a través do Comité de Seguimento da Covid 19, que o Goberno municipal realice un “control exhaustivo” de cómo se están a desenvolver as obras públicas do Concello en Vigo despois de ter detectado que non se están a garantir as debidas medidas preventivas fronte ao coronavirus.

“O BNG xa advertimos que non se estaba en condicións de reiniciar as obras públicas na cidade e o que estamos a ver en moitas obras, e tamén en actuacións de mantemento, é que o persoal non conta cos EPI necesarios nin se están a garantir as distancias mínimas de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias”, explicou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas.

Nese sentido, o BNG esixe  que o Goberno municipal actue para garantir que nas obras contratadas polo Concello non se pon en risco a saúde dos traballadores e das traballadoras. Aliás, reclaman que se actúe con “prudencia e responsabilidade” á hora de autorizar novas actuacións, como os asfaltados anunciados nas últimas horas, mentres non se asegure un subministro suficiente de material de protección. “Baixo ningún concepto un investimento municipal pode provocar un risco de contaxio para traballadoras e traballadores”, remacha Igrexas.

You may also like