Comarcas

@carmelasilva propón a alcaldes e alcaldesas da provincia un ‘gran pacto’ para afrontar a ‘desescalada’

A presidenta da Deputación ofreceu este mércores, na primeira reunión telemática cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos concellos de menos de 20.000 habitantes, “un gran pacto na provincia coas administracións competentes para poder das resposta ás fases da desescalada, sumando sinerxías, a fin de que as entidades locais fagan o que
mellor saber facer: atender a súas veciñanzas”.

Carmela Silva, acompañada do Vicepresidente César Mosquera, comunicou aos 46 alcaldes e alcaldesas que participaron no encontro virtual, que se dirixirá á Xunta e ao Estado, a través da Delegación do Goberno, para traballar de forma colaborativa, cada administración coas súas competencias, para tomar decisións que sumen.

“Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar”, dixo Silva. “Sería un erro gravísimo que cada un de nós tome as súas medidas, o seu plan, polo que fago un chamamento a que sumemos, e a traballar de forma coordinada. É unha obriga, engadiu, porque a xente non perdoaría que non colaboremos. Nunca é hora de confrontar pero agora menos. Non ter esa mirada –dixo- é non entender nada”.

Silva tamén avanzou que cre necesario que o presidente do Goberno de Galicia convoque ás Deputacións. “É fundamental que nos coordinemos. Que teñamos unha folla de ruta clara, atendendo ás competencias de cada administración, e sumando esforzos cara á cidadanía”.

Nesa liña, a presidenta da Deputación comunicou aos concellos que o goberno provincial estuda a posibilidade de reorientar o orzamento e modificar o Plan Concellos. “Trataríase, sinalou, de ter recursos para as novas necesidades, polo que estamos a avaliar poder destinalos a aquelo que a crise esixa”. Silva avanzou que formulará estas propostas á oposición para buscar o consenso e, do mesmo xeito, comunicou a súa intención de volver a convocar aos concellos xa de forma comarcal.

A presidenta fixo un recoñecemento aos gobernos e oposicións de todos os concellos: “síntome moi orgullosa, de todos
e todas, estades a facer un traballo excepcional”.

También te puede interesar