O comité de empresa de Vitrasa vén de convocar unha campaña de mobilizacións para “denunciar os incumprimentos da empresa e do Goberno local”.
Os mesmos refírense á colocación de baños e mamparas, a
aplicación do ERTE e das tarxetas moedeiro, así como en cuestións relativas á contratación e seguridade e hixiene nos autobuses e no taller.
As protestas comezarán este venres, día 19, no Concello de 10:00 a 11:30 horas e continuarán ás portas da empresa de 12:30 a 14:00 h.
Baños hixiénicos
Ao Concello veñen solicitándolle que non retire os baños hixiénicos instalados para o persoal de condución. Tamén reclaman que se aumenten nas liñas que non contan con este servizo nas cabeceiras.
Emprazan o Goberno local a que os manteña até que haxa uns definitivos, ou “volverémonos a atopar sen baños para poder facer as nosas necesidades”.
Tarxetas moedeiro
No que respecta ás tarxetas moedeiro, e ante a boa acollida que tivo esta iniciativa posta en marcha durante a pandemia, ínstano a facilitar a súa adquisición por parte de todos os viaxeiros, ampliando a súa venda a quioscos, estancos ou puntos de chegada.
ERTE e salarios
Lembran que ao inicio do ‘Estado de Alarma’ o alcalde comunicou que ía “blindar o salario dos traballadores das concesionarias”.
“Nos gustaría saber se a millonaria indemnización que adiantou que tería que abonarlle a Vitrasa garantirá que o persoal poida recuperar a perda salarial sufrida durante o ERTE”.
Sen resposta do Goberno local
Todas estas demandas fóronlle trasladadas ao Concello polo comité en varias ocasións, a última o pasado 29- de abril. “Sen que polo de agora os responsábeis municipais se teñan pronunciado ao respecto”.
Demandas a Vitrasa
Pola súa banda, a Vitrasa solicítanlle a instalación da mamparas para protexer a conductores e viaxeiros ante a volta inminente da cobranza en efectivo.
A respecto do réxime de xornada, sinalan que debido á volta á normalidade, os horarios dalgunhas liñas non teñen descanso.
Outra cuestión que pretenden solucionar coa empresa é a elevada eventualidade.
Deficiente desinfección dos autobuses
No que ten que ver coa hixiene, denuncian que detectan unha “deficiente limpeza e desinfección dos vehículos”, no posto do condutor e no dos viaxeiros.
Ademais, pídenlle á empresa que mellore a calidade dos Equipos de Protección Individual (EPI) que entrega ao persoal de taller.