Os traballadores encargados das obras de ampliación do Concello de Nigrán comezaron hoxe un paro indefinido en protesta polas condicións laborais que padecen e para forzar á dirección da empresa a readmitir ou indemnizar a un operario despedido hai días por reclamar os seus dereitos, xa que traballan 10 horas diarias a entre 6 e 7,5 euros a hora incumprindo o convenio.
O despedido presentou unha instancia na que pedía cumprir a xornada laboral que establece a normativa; a resposta da empresa foi despedilo sen pagarlle nin a nómina de maio nin a indemnización correspondente. Dende a CIG denuncian que as empresas encargadas das obras pretenden botar man de obra para traer sobre todo portugueses, que aceptan condicións precarias. Precisamente o despedido era o único galego.
Durante a concentración esta mañá diante das obras, os traballadores estiveron arropados por parados do sector da construcción. Trátase dunha campaña para denunciar os abusos que se están a cometer cos traballadores en obras encargadas polas Administracións públicas.