A Deputación de Pontevedra vén de publicar as bases reguladoras da quinta edición de “DepoEmprende”, o programa da institución destinado a fomentar o espírito emprendedor no marco do sistema educativo.
Centros sostidos con fondos públicos
Esta convocatoria diríxese aos centros sostidos con fondos públicos da provincia de Educación Primaria, Especial, Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional.
O mesmo divídese en tres proxectos, “DepoEmprende na escola”, “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na FP, co fin de adaptarse ás necesidades de cada etapa educativa.
Ata o 30 de setembro
Os centros que o desexen xa poden solicitar a súa adhesión ao programa ata o 30 de setembro, podendo participar nun ou en varios proxectos.
A presentación de solicitudes realizarase, obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede da Deputación de Pontevedra. O proceso de selección será o de concorrencia competitiva atendendo ás características de cada proxecto.
Tres modalidades
O proxecto educativo “DepoEmprende na escola” está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial.
“DepoEmprende na ESO” destínase a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3º e 4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa á Actividade Emprendedora e Empresarial, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou similares.
“DepoEmprende na FP” está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior que curse, preferentemente, o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora ou similares.
En cada un dos proxectos poderá participar un máximo de dez centros, e para potenciar a comunicación entre eles a Deputación pon á súa disposición o Portal Educativo de DepoEmprende.
Curso 2020-2021
O programa desenvolverase no curso escolar 2020-2021 cunha temporalización e metodoloxía que se adaptará ás decisións que se tomen desde as administracións públicas sobre a organización e planificación do curso escolar e a evolución da crise sanitaria derivada da COVID-19.
Amais, para o desenvolvemento eficaz de “DepoEmprende” a Deputación de Pontevedra dota aos centros participantes de formación, recursos e ferramentas.
Formación profesorado
Entre estas accións destaca unha serie de formacións para o profesorado participante durante o desenvolvemento dos proxectos. A aprendizaxe será voluntaria e terá unha duración máxima de 20 horas.