A Deputación de Pontevedra vén de asinar o convenio de colaboración coa Fundación MARCO de Vigo para potenciar a igualdade e a visibilidade de muller no ámbito das artes.
Este convenio está dotado con 50.000€ e procurará sufragar gastos de produción de exposicións, programación de conferencias, textos e visitas guiadas e a adquisición de obras.
No acto de sinatura interviñeron a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, e o presidente da Fundación MARCO e alcalde de Vigo.
“Visibilizar ás mulleres”
“Temos que visibilizar as mulleres na arte, facer que pasen da súa calidade recoñecida a que sexa coñecida polo conxunto da cidadanía”, expuxo Carmela Silva. A presidenta provincial engadiu que “fai xa moito tempo que a Deputación de Pontevedra non participaba activamente neste museo, que é unha grande referencia, non só de Vigo, senón de Pontevedra e toda Galicia”. Respecto ao convenio, sinalou que “vai permitir que o Marco teña máis actividade da que xa ten programada”.
A Deputación volve ao MARCO
Pola súa banda, Abel Caballero tamén fixo fincapé á relevancia deste convenio. “Hoxe prodúcese a reincorporación da Deputación á mobilización cultural do MARCO de forma directa“.
Compromiso pola igualdade e a pluralidade
O convenio de promoción da muller na arte reflicte o compromiso que a Deputación e a Fundación MARCO manteñen coa cultura, a igualdade e a pluralidade.
En concreto, as accións que permitirá desenvolver este convenio serán a edición e produción de exposicións de Yolanda Herranz e Celeste Garrido; deseño, maquetaxe, edición e impresión das publicacións dedicadas a estas dúas autoras; a adquisición da obra de Sofía Madrigal e Berta Cáccamo; e a posta en marcha de conferencias, textos e visitas relacionadas coas exposicións.