A campaña para as Eleccións ao Parlamento de Galicia empezou á media noite deste venres. 56 candidaturas concorren á concocatoria do vindeiro 12 de xullo, aínda que só as do PP, PSdG-PSOE, BNG, Galicia en Común-Anova-Mareas, Ciudadanos e a dereita extrema preséntanse nas catro provincias.
O inicio de campaña non viviu incidentes, agás algún en Compostela, na ‘pegada’ de carteis da candidatura de ultradereita.
Feijóo a pola cuarta maioría
No centro desta campaña está se o actual presidente do Goberno de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (Ourense, 1961), repite maioría absoluta-sería a cuarta- ou hai cambio na Xunta.
As enquisas coñecidas ata hoxe, todas elas, sinalan que Feijóo seguirá na Presidencia e que repetirá o que fixo Fraga, estando á fronte da Xunta 16 anos consecutivos.
Alternativa de esquerdas
Para artellar unha alternativa ao Partido Popular, están Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), profesor universitario, secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia; Ana Pontón (Sarria, 1974), licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG); Antón Gómez- Reino (A Coruña, 1980), técnico en Saúde Ambiental, varias veces deputado, candidato de Galicia en Común-Anova Mareas.
Ciudadanos
Os sondeos indican que Ciudadanos no logrará entrar no Parlamento, pero Beatriz Pino (Vigo, 1975), licenciada en Xornalismo e en Filoloxía francesa, deputada no Congreso pola provincia de Pontevedra, candidata á Presidencia da Xunta, amosouse segura de que sí obterá representación no Pazo do Hórreo.
2.234.152 galegas e galegos chamados a votar
O día 12 de xullo poderán exercer o seu dereito ao voto 2.234.152 galegas e galegos, residentes en Galicia, 21.427 menos que nas eleccións de 2016.
De todos eles, 78.503 poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas e terán para facelo 2.295 colexios electorais.
75 deputados
Nas eleccións do día 12 de xullo os galegos eliximos 75 deputados e deputadas. En total, atendendo ao seu número de habitantes, son 25 deputados pola provincia da Coruña; 22 pola de Pontevedra, 14 pola de Ourense e outros 14 pola provincia de Lugo.
Eleccións marcadas polo coronavirus
Considerando que a pandemia do coronavirus aínda non está vencida, refórzanse a seguridade nos colexios electorais. Será obrigado acudir a votar con máscara-aos electores que non teñan se lles facilitará no propio colexio-. Tamén haberá que empregar xel hidroalcólico para as mans.
En cada colexio electoral, haberá persoal encargado de vixiar o aforo do mesmo, o cumprimento das medidas de seguridade. O mesmo dará prioridade as personas maiores e con mobilidade reducida que terán preferencia á hora de votar.