Galicia

Reclaman a intervención da Xunta ante as ‘comisións abusivas’ de Abanca

O Sindicato Labrego Galego denuncia que Abanca aproveita a súa presenza privilexiada no rural

O Sindicato Labrego Galego reclama a devolución das comisións abusivas de mantemento cobradas por Abanca á súa clientela. As mesmas, indican dende o sindicato, subiron sen previo aviso a 50 € por semestre durante o confinamento, o que supón 100€ anuais.

Beneficios de 400 millóns de euros

Este incremento é “desproporcionado“, pois non responde a máis servizo que manter unha conta aberta. O Sindicato Labrego subliña que a entidade bancaria tivo uns beneficios de 405 millóns de euros en 2019, polo que “non lle vai nada mal como para facer estes cobros”.

Maior repercusión no rural

“Como organización agraria, temos que sinalar que estas comisións abusivas teñen unha repercusión moito máis grande no rural debido á ampla presenza no noso territorio das sucursais das antigas caixas galegas: máis de 500 oficinas”. Abanca está presente en 274 concellos e é a única entidade financeira con sucursal en 121.

Para o SLG, Abanca estase aproveitando da súa presenza privilexiada en Galicia, pois sabe que as familias destes 121 concellos rurais afectadas polas comisións abusivas non marcharán porque non poden elixir outra alternativa.

Un banco que sobreviviu grazas a achega pública

“Diante do fracaso en que rematou a venda de Novagalicia Banco, xurdida da fusión das antigas caixas galegas, a Xunta de Galicia debería intervir para esixir que Abanca devolva unhas comisións que, aínda que legais, son abusivas a todas luces”.

Para o Sindicato “resulta intolerable” que unha entidade bancaria que sobreviviu grazas a fortes inxeccións de diñeiro público -30.000 millóns de euros segundo algunhas fontes- e que “foi adquirida a un prezo de saldo de 1.003 millóns”, aproveite agora a súa posición de monopolio en 121 concellos rurais para abusar da súa clientela.

También te puede interesar