Como xa pediran outros grupos e asociacións, e xa están facendo cada vez máis institucións do Estado, Marea de Vigo indica, nunha nota de prensa, que a cidade fixe un ‘cortalumes democrático’ ao redor de Juan Carlos I.
Como primeiras medidas, Marea de Vigo pide a retirada do busto do rei emérito da entrada do Concello e sustituír o topónimo Praza do Rei, inaugurada no ano 1976 por Juan Carlos I, polo de Campo de Granada.
Supostos casos de corrupción
Ante unha “fervenza de informacións” sobre supostos casos de corrupción cada vez máis graves, “o Concello de Vigo non ten por que agardar a que exista un novo paso xudicial”. “Debe responder ao xa existente magma de preocupación cidadá e debe actuar”.
Como parte desas medidas, ademáis das dúas anteriores, Marea de Vigo pide que o Concello inste ao Congreso dos Deputados a abrir unha Comisión de Investigación sobre os escándalos de corrupción da familia real.
“O Goberno local de Vigo non debería negarse, pois unha iniciativa idéntica foi aprobada no Concello de Barcelona cos votos favorables do PSC”.
“Non pode haber marxe para a impunidade”. A monarquía, “de xeito cada vez máis evidente para a sociedade viguesa e, en boa medida, por méritos propios dos sucesivos monarcas, percíbese coma unha institución caduca, inútil, involucrada en casos de corrupción e, en definitiva, impropia dunha sociedade avanzada”.