É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer más@bngvigo levará ao Pleno do Concello unha proposta contra as comisións bancarias abusivas
É unha iniciativa contra o que o Bloque cualifica de prácticas que suponen “un roubo”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo, convocado para este mércores día 9, unha moción contra as comisións bancarias abusivas e polo dereito ao acceso universal e gratuíto aos servizos bancarios.
O ‘caso de Abanca’
Trátase dunha iniciativa en reacción á nova vaga de comisións adoptadas por diferentes entidades financeiras, e na que salienta o polémico caso de Abanca que a mediados deste ano mudou unilateralmente as condicións de servizo para iniciar o cobro de 50€ semestrais en concepto de comisión de mantemento e xestión das contas bancarias.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de que o Concello exprese de maneira rotunda o rexeitamento a estas prácticas que supoñen “un roubo” e que padecen “moitos millares de viguesas e vigueses”.
Rescate con 9.000 millóns de euros dos cidadáns
“Abanca foi rescatada con 9 mil millóns de euros públicos, dos que só se devolveron apenas mil na operación de privatización e bancarización, que os seus novos donos, de capital estranxeiro, recuperaron en apenas un exercicio. Ademais Abanca recolleu o pasado ano 405 millóns de euros de beneficios. Porén, non tivo reparos en aplicar unha nova comisión bancaria de 100€ anuais polo mero feito de ter unha conta aberta”.
O voceiro municipal do Bloque lembrou que esta práctica motivou o rexeitamento de máis de 120 mil persoas a través dunha recollida de sinaturas.
Tamén a persoas en risco de exclusión
Unha situación que afectou tamén a persoas empobrecidas e en risco de exclusión social como as perceptoras da Risga e outros subsidios, malia que unha directiva da Unión Europea estabeleceu a existencia de “contas bancarias básicas” de carácter totalmente gratuíto.
“É intolerábel que persoas que apenas teñen ingresos para subsistir sexan atracadas polo seu banco polo feito de estaren obrigadas a ter unha conta na que ingresar unha Risga”, criticou Igrexas.
A moción do Bloque insta o Goberno municipal a dirixirse á dirección de Abanca para esixir a devolución destas comisións abusivas e a súa anulación. En caso de non atender ese reclamo, demandan que o Concello revise todos os servizos contratados con esa entidade financeira.