Intensa dificultade para facerlle fronte aos doce lumes que avanzaron sen parar durante as pasadas horas na provincia de Ourense.
As lapas queimaron, segundo os últimos datos de Medio Rural, preto de 7.000 hectáreas.
Vilariño de Conso e Lobios, 2.000 hectáreas
Os incendios máis grandes son os de Lobios e Vilariño e Conso que arrasaron máis de 2.000 hectáreas.
Na parroquia de Río Caldo, en Lobios, o lume está activo dende a tarde do sábado. Afecta ao Parque Natural da Baixa Lima-Serra do Xurés. Nos traballos de extinción están 20 brigadas, 6 motobombas, 6 heliópteros, 5 axentes, 5 avións, ademáis de membros de Unidade Militar de Emerxencia (UME).
O de Vilariño de Conso queimou boa parte da parroquia de Sabuguido. Alí hai 18 brigadas, 10 motobombas, 10 helicópteros, 9 axentes, 9 avións e catro pas.
Cualedro
En Cualedro o lume queimou, dende as 3 da tarde do domingo, 800 hectáreas. Membros da UME, xunto con 8 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros, 5 pas, 4 avións e 4 axentes, tentan conter o lume.
Vilar de Barrio
Dende o mediodía do sábado está ardendo a parroquia de Rebordechau. En total o lume queimou 700 hectáreas e na zona traballaron 33 brigadas, 17 motobombas, 14 avións, 11 axentes e 10 helicópteros.
Chandrexa de Queixa
O lume comezou o domingo ás 4 da tarde na parroquia de Queixa e calcinou unhas 400 hectáreas, segundo datos aínda provisionais.
Rairiz de Veiga
En Rairiz de Veiga o fogo achegouse tanto ás vivendas de Guillamil, que fixo necesario o seu desaloxo e a activación da ‘situación 2’. Dende as 2 da tarde do domingo, arderon 260 hectáreas.
Laza e A Gudiña
En Laza, o lume que empezara a última hora do sábado queimou máis de 60 hectáreas e na parroquia de Pentes, na Gudiña, supera as 150.
Manzaneda, Vilardevós e Maceda
Superan en conxunto as 300 hectáreas afectadas e todos eles comezaron este luns de madrugada. Os dous lumes de Maceda-que xa están estabilizados, queimaron 130 hectáreas; o da parroquia de Cernado, en Maceda, máis de 100, e en Vilar de Cervo, en Vilardevós, unhas 80 hectáreas.