É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer más@MareaVigo pide ao Concello unha resposta solidaria coas persoas refuxiadas no campo de Moira
Solicita que Vigo sexa ‘cidade refuxio’ ante a dramática situación dos refuxiados en Lesbos
No mes de xaneiro de 2017, o Pleno do Concello aprobou, coa abstención do PSOE, a moción que a Marea de Vigo levou por demanda da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A efectos prácticos, iso convertía a Vigo en ‘cidade refuxio’ que debía facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que chegasen ao municipio e poñer á súa disposición os recursos sanitarios, escolares e de integración e mediación necesarios.
Posteriormente, a mesma Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), co alcalde de Vigo á cabeza como presidente, aprobou e publicou unha declaración institucional afirmando que os concellos deben dispor medios e recursos económicos para a acollida e a integración social dos refuxiados.
Agora, nestes momentos e sen demora, o Concello ten a ocasión de amosar o seu compromiso real e de poñer en valor a presidencia de Caballero na FEMP, declarando Vigo como cidade refuxio.
Situación dramática
Cómpre reaccionar axiña baixo o principio de solidariedade ante unha situación dramática que padecen miles de persoas na illa de Lesbos. Para iso, Marea de Vigo propón:
Que o Concello de Vigo, principal cidade de Galicia en termos de poboación e económicos, estableza unha comunicación efectiva coa Rede galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas para coñecer as súas demandas.
Una acción clara expresando a súa disposición a dar cabida a unha porcentaxe xusta de persoas refuxiadas e a respectar os principios de solidariedade e xenerosidade, como deberían facer todas as cidades e todos os países da Unión Europea.
E, por último, que o Concello de Vigo contribúa a protexer ás familias e, moi especialmente, aos menores que precisen desesperadamente refuxio e seguridade, executando un programa que, de xeito planificado, dea acollida atención e orientación ás persoas refuxiadas.