Galicia

Tomiño organiza un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidad

O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h

O Concello de Tomiño pon en marcha o curso ‘Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración’. Trátase dun obradoiro dirixido a mulleres usuarias dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral en situación desemprego, de mellora de emprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade por diversas circunstancias.

Reinserción laboral

O obxectivo do mesmo é facilitar ferramentas na procura da súa inserción laboral. Céntrase no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e quere paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero.

Dous días á semana e servizo de canguraxe gratuito


O curso, co-financiado pola Deputación e o Concello, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián.

A xornada será de dúas horas e media ao día. As participantes estarán integradas en tres grupos: dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe gratuíto no grupo de tarde.

Temas

As participantes recibirán formación teórico/práctica en internet básico e medio (correo electrónico, Google office…); internet para o emprego (novos traballos e profesións; elaboración de CV e distribución por web/mail; boas prácticas en redes sociais  para uso profesional, portais e buscadores de emprego…); uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a Dereitos Laborais e un módulo básico de Igualdade.

Apertura da inscrición

Ademais de para mulleres usuarias de Benestar Social e Orientación Laboral, o Concello abre a inscrición a mulleres que aínda que non sexan usuarias destes servizos se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego e estean interesadas.

Medidas COVID e prazas limitadas

Dado que, por mor das medidas de seguridade o número de prazas é limitado, darase preferencia a mulleres empadroadas en Tomiño que, polas súas circunstancias persoais e/ou familiares, se atopen en maior risco de exclusión.

Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a [email protected], indicando no  Asunto “Obradoiro competencias dixitais” e achegando os seguintes datos:
–          Nome e apelidos
–          DNI
–          Teléfono de contacto
–          Enderezo:
–          Indicación de situación laboral
Prazo de inscrición aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h.

También te puede interesar