Marea de Vigo vén de alertar que a situación do transporte urbano da cidade deteriórase día a día.
Rubén Pérez, voceiro de Marea no Concello, sinala que é “evidente” o menoscabo en servizos, frecuencias, “mesmo as condicións de explotación do servizo”, desde que se anunciou a ampliación da concesion durante 5 anos máis.
O alcalde cualificaba o servizo de ‘desfasado’
Abel Caballero argumentaba hai escasos meses que o contrato actual de transporte era “inxusto e desfasado para a realidade actual da cidade”.
“Recoñecíase – explica Rubén Pérez – que o contrato tiña un cálculo de tarifas en base a unha fórmula polinómica desfasada”. A mesma, por exemplo obriga a computar como amortizables prácticamente todas as melloras no servizo. Isto vai elevando a cifra de recursos pendendes de abonar á empresa ano tras ano (actualmente por enriba dos 16 millóns).
Esta circunstancia leva a “cousas tan sorprendentes como que 25 anos despois sigamos a pagar os terrenos das cocheiras de San Andrés” indica Rubén Pérez. Recoñecíase ademais que o sistema de liñas non daba cobertura ás novas necesidades da cidade.
Peor servizo desde o anuncio da ampliación da concesión de Vitrasa
“Dende o anuncio de ampliación, constátase unha degradación do servizo” – matiza Ruben Pérez -. O voceiro sinala que ese deterioro comeza no que ten que ver coas relacións laborais, “nas que a empresa está incumprindo os acordos feitos co Comité”. Seguen as carencias do servizo con respecto á prevención e as medidas hixiénicas e de desinfección derivadas da Covid-19 e conclúe cun “servizo deficiente nas parroquias, nas conexións cos hospitais e na falla de reforzos en hora punta”.