Galicia Vigo al minuto

Os traballadores de Denso desconvocan a folga

Logo dun acordo sobre soldos, rotacións e contratación de persoal

O comité de empresa de Denso decidiu desconvocar a folga indefinida na que estaba. A decisión tomouse logo de que o cadro de persoal aprobase en asemblea a última proposta da dirección para renovar o convenio colectivo.

A mesma contempla unha suba salarial do 5,5% en tres anos e rotacións de todos os postos de traballo cada dúas horas.

Acordo a última hora da noite

O acordo entre as partes materializouse onte a última hora da noite tras un intenso proceso de negociación.

As partes pactaron unha suba salarial do 3%, 1,5% e 1% en cada un dos tres anos de duración do convenio (2020, 2021 e 2022) e un plus consolidado para todo o persoal de 400€ ao ano.

Rotacións

En canto ás rotacións de posto, cuxo incumprimento por parte da empresa motivou a convocatoria de folga, pactouse unha penalización no caso de que se siga sen materializar. Deste xeito, a compañía terá que incrementar dous minutos cada descanso no caso de non cumprir a medida. Este aumento da duración dos descansos será acumulativo (cada ano que pase sen aplicarse sumaranse dous minutos).

A rotación terá que facerse cada dúas horas e e inclúe a todo o persoal, que deberá pasar por todos os postos.

Máis contratos indefinidos

Os acordos en materia de contratación establecen a conversión de 25 contratos en indefinidos (11 o primeiro ano, 7 o segundo e 7 o terceiro). Ademais, 70 contratos de ETT pasarán a contratación directa por Denso durante un ano e incluiranse tres días de asuntos propios a maiores.

También te puede interesar