A Xunta vén de intervir a residencia xeriátrica Salvaterra, situada no municipio de Salvaterra de Miño, co fin de reforzar o persoal do centro.
As Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esa medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores do centro.
Un equipo de profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde está xa desprazado no centro e ocúpase de facer un seguimento médico permanente sobre a situación dos residentes, así como de vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta de Galicia. Os profesionais do Sergas tamén velarán pola continuidade dunha atención sanitaria axeitada na residencia.
A medida de intervir a Residencia adóptase despois de que nas últimas xornadas se contabilizaran novos contaxios, o que sitúa o número total de casos positivos por coronavirus neste centro en 110: deles 84 residentes e 26 profesionais.