Máis de 8.000 pacientes foron atendidos nas primeiras catro horas e media dende que padeceron un ictus, logo da posta en marcha, en xullo de 2016, por parte do Sergas, do Plan galego de atención a esta patoloxía.
Ademais, as fibrinolises intravenosas realizadas superan as 1.700 e realizáronse máis de 900 tromboectomías mecánicas. No que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus.
“A situación excepcional que estarmos a vivir por mor da pandemia provocada pola covid-19 non pode facer esquecer da atención dos pacientes que presentan outras patoloxías graves e moito máis cando son tempo-dependentes, como no caso do ictus”, sinalan dende a Consellería de Sanidade.
Diminuir a mortalidade
O Plan permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia. Os seus obxectivos son reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital; diminuír a demora na confirmación diagnóstica; adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente; coordinar a actuación entre os distintos profesionais; e, ademais, diminuír as secuelas producidas polo propio ictus.
Tres novos centros terciarios de ictus…
Para cumprir con eses obxectivos creáronse tres centros terciarios de Ictus (Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña, Santiago e Vigo), entendidos como centros específicos de cuidados agudos non intensivos para o tratamento do paciente con ictus, en que existan servizos de radioloxía intervencionista con capacidade de realizar unha trombectomía mecánica.
…e seis ‘equipos’
Tamén se crearon seis Equipos de Ictus (Complexos Hospitalarios Universitarios de Ferrol, Ourense e Pontevedra así como no Hospital Lucus Augusti; no Hospital da Costa en Burela e Povisa).
Os equipos son grupos multidisciplinares de especialistas coordinados por un neurólogo ou outro especialista experto en ictus que colaboran no diagnóstico e tratamento do paciente con ictus e contan con protocolos de coidados sistematizados.
Ademais os Servizos de Urxencias dos seis restantes hospitais comarcais (Barbanza, Salnés, Monforte, Virxe da Xunqueira, Verín e O Barco) posúen a capacidade e formación necesaria para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico.
Síntomas:Fala, Forza e Faciana
Desta forma queda artellada a planificación en rede asistencial da atención ao ictus en todo o territorio galego. Sinalar que cando unha persoa sufra algún dos síntomas de ictus, deberá chamar ben el ou ben algún acompañante ao 061.
Estes síntomas resúmense, fundamentalmente, en tres Fs: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir).
Nese momento, o médico do 061 confirmará a existencia do ictus a través do protocolo específico, activará un código ictus e unha ambulancia recollerá ao paciente para o seu traslado ao hospital máis próximo, mentres a central do 061 avisa da súa chegada.