O servizo de Alergoloxía da Área Sanitaria de Vigo ven de por en marcha dúas iniciativas para mellorar a atención ás alerxias causadas polas velenos das picaduras das abellas e avespas. Trátase dun novo procedemento diagnóstico, o de Repicadura Intrahospitalaria, e dun servizo de Identificación de Himenópteros para todos os alergólogos galegos.
Primeiras repicaduras de velutina no mundo
Estas novas prestacións sanitarias sitúan ao servizo de Alergoloxía, dirixido pola doutora Carmen Marcos, na vangarda da asistencia na alerxia ao veleno de Himenópteros.De feito, en relación coa Repicadura Intrahospitalaria, hai uns días ven de realizarse as primeiras repicaduras no mundo con Vespa velutina a tres pacientes da área sanitaria de Vigo.
O alergólogo e coordinador deste proxecto, Luis Arenas, explica que “estamos moi satisfeitos xa que non está descrito na literatura científica a repicadura con este tipo de vespas. Á luz dos coñecementos actuais, a proba máis fiable para valorar a eficacia da vacina é a da provocación mediante a repicadura controlada cun insecto de mesma especie que o responsable da sensibilización. Isto é, seguindo o protocolo establecido, promovemos que o paciente sexa picado polo insecto causante da súa alerxia para confirmar que a vacina que se lle ven administrando é eficaz e lle proporciona a protección axeitada”.
14 pacientes
Polo de agora, levan realizada esta técnica a 14 pacientes, fundamentalmente a apicultores e profesionais de elevado risco polo seu alto grao de exposición a himenópteros, como desbrozadores ou traballadores do campo.
Vacinas a 400 persoas ao mes
A maioría dos pacientes que son remitidos aos especialistas en Alergoloxía por reaccións adversas tras a picadura de himenópteros, teñen sufrido varias picaduras de diferente intensidade ao longo das súas vidas, e algunhas delas puidesen ter xerado unha resposta inmunolóxica.
“Polo xeral, a última picadura, causante de sintomatoloxía xeral, é a que adoita motivar á remisión deses pacientes ás consultas de Alergoloxía, aínda que ás veces non é así, e hai pacientes con sintomatoloxía xeral que non foron estudados polos alergólogos nin instruídos no manexo da medicación de urxencia nin dos autoinxectores de adrenalina, co conseguinte risco para eles”-explica Arenas.
Unha vez o paciente é diagnosticado, na Unidade de Inmunoterapia se lle administra unha vacina específica, elaborada con veleno de abella ou de 2 tipos de avespas.
Servizo de Identificación de Himenópteros para toda Galicia
No referido ao novo servizo de Identificación de Himenópteros, ten por obxecto que no caso de que os pacientes ou seus familiares atrapen ao insecto (ou outro espécime do mesmo niño do que procedía o responsable de picadura) que lles ocasionou a reacción alérxica, este poida ser identificado correctamente en beneficio dun diagnóstico exacto.
A Identificación correcta do insecto responsable da picadura é un dos problemas máis importantes na atención a estas alerxias. Hai insectos que deixan cravado o seu aguillón, pero existen moitos outros cuxo aguillón non queda retido no pel.
O doutor Arenas asegura que“por todas estas dificultades, desde Alergoloxía de Vigo poñemos a disposición do resto de colegas de Galicia este servizo de identificación. Así, poden remitirnos o insecto ou os seus restos nun pequeno frasco con alcohol de 70º para evitar a súa descomposición; ou como nalgún caso, fragmentos dun niño que pode conter ovos ou larvas.”
En ausencia do himenóptero é importante coñecer determinados datos complementarios, que son relevantes para identificar a súa especie, como por exemplo a localización exacta do paciente e que estaba facendo no momento da picadura, ou o lugar da procedencia do insecto (chan, muro, caixa de correos de correos, tellado, cheminea, horta, árbore froiteiro..), ecétera.
Por isto, Luis Arenas -que ten un especial interese e dedicación profesional a este tipo de alerxias- deseñou unhas fichas para que sexan cubertas por aqueles especialistas interesados en que desde o servizo do Chuvi lles axuden a identificar ao insecto.