O presidente do Goberno galego estivo este martes en San Paio de Navia. Alberto Núñez Feijóo destacou hoxe os avances no proxecto de ampliación do barrio coa comercialización das primeiras parcelas en 2021. Deste xeito, salientou, as empresas ou cooperativas que se fagan cos terreos poidan arrancar coa edificación de 1.600 vivendas públicas.
180.000 metros cadrados
O presidente adiantou que a Xunta dispón de case 180.000 metros cadrados, dos 265.000 metros que abarca o proxecto. O mesmo inclúe a construción das vivendas protexidas, 23.000 m2 de zonas verdes, 1.200 prazas de aparcamento e 2,2 quilómetros de carril bici. Nesa superficie xa se
investiron 20 millóns, precisou.
“Quedan por incorporar algo máis de 85.000 metros cadrados“, engadiu Feijóo quen sinalou que farase pola vía do ‘expediente único de expropiación’, “que está en redacción e ao que destinaremos 10 millóns
de euros”.
Urbanización
De xeito paralelo, engadiu o presidente, seguirá o proceso de
urbanización dos terreos, para acondicionar e facilitar a instalación de servicios básicos na zona.
“Farémolo en tres fases e cun investimento de case 20 millóns de euros”. Deles, preto de 8 millóns dedicaranse á urbanización do coñecido como polígono 1, cuxas obras licitaranse ao longo de 2021.
“En definitiva, estamos a falar dun proxecto que mobilizará 250 millóns durante os seguintes anos”, salientou o xefe do Executivo galego, quen reivindicou o “compromiso” da Xunta con Vigo.
O mesmo, concluiu, se reflicte no investimento de 40 millóns de euros para recuperar o antigo Hospital Xeral como Cidade da Xustiza; nos 16 millóns na intermodal, nos 1,5 millóns no novo centro de saúde de Bouzas; ou nos avances na ETEA coa construción dun polideportivo e da residencia de maiores.