“Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo” é o lema da nova campaña, a sexta, coa que a Deputación de Pontevedra quere fomentar a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas durante este vindeiro Nadal.
O que aprendemos de nen@s marca a posición que imos ter ante a vida
Unha campaña “dinámica, atrevida e fermosa” coa que, como sinalou a presidenta Carmela Silva, a institución quere incidir no feito de que “o que aprendemos de nenos e nenas marca a posición que imos ter ante a vida” e, polo tanto, busca promover “que as nenas e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar porque os coidados, que sempre estiveron en mans das mulleres, son este ano de pandemia o centro de todo”.
Que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario
A campaña está deseñada pola ilustradora Luz Beloso mentres a escritora Isabel Blanco é a autora do concepto e dos textos. A imaxe amosa a unha nena lendo, outra cun xogo de construción e a un neno que lle da de comer a un osiño de peluche.
A campaña tamén está centrada na idea de que as tarefas sexan compartidas de xeito igualitario. “Desde o nacemento comezamos a dicirlle ás nenas que elas son as que van coidar ao regalarlles xoguetes e xogos dedicados ao coidado: cociñas, vasoiras, fregonas, ou traxes de enfermeiras, reflectiu Carmela Silva, mentres que a eles lles agasallamos con bicicletas, motos, superheroes ou xogos de construción. Esta campaña quere rachar con iso. Queremos que as nenas xoguen con todo e os nenos xoguen con todo, e xoguen tamén a coidar. Porque coidar é fundamental”. A presidenta lembrou que nesta pandemia “fomos as mulleres as que seguimos teletraballando, pero tamén no 75% coidando a nenos e a nenas, a maiores, e a persoas dependentes”.
“O xogo, o xoguete non só é un instrumento de lecer –engadiu-. É un instrumento de educación e crea pensamento. Se educamos ás nenas e aos nenos con xogos, xoguetes e cores diferentes, uns e outras entenderán que o seu papel na vida é un determinado, non aprenderán poden ser todo aquelo que desexen ser”.
Carmela Silva citou a María Montessori ao sinalar que “non existe ningún home ou muller que non se formase a partir do neno ou da nena que foi algunha vez”. “Así que para ser mulleres e homes igualitarios e igualitarias e que apostemos porque todos teñamos o mesmo dereito, temos que ser ese neno e esa nena que aprende dende a igualdade –sinalou-. Esta campaña quere cambiar o modelo no que vivimos porque como xoguemos e como sexan os nosos xoguetes marcará como imos ser na vida e o noso comportamento”.
Presenza nos comercios e un audiovisual
Amais dos carteis, que se van repartir nos concellos para colocalos nos comercios, a campaña conta cun audiovisual elaborado por Regalamúsica, cuxos representantes Javier Abreu e An Táboas, estiveron presentes no acto celebrado hoxe na sede da Deputación en Vigo.
Este vídeo vaise proxectar nas pantallas dos autobuses da empresa Vitrasa, e en dous dos vehículos tamén se colocarán vinilos da iniciativa ata o 7 de xaneiro.
A campaña complétase con cuñas de radio e publicidade nos medios on e off line, co fin de “chegar a todas as familias da provincia”, como sinalou Carmela Silva.
Isabel Blanco, pola súa banda, destacou a campaña como “imprescindible, porque mirar o mundo desde a perspectiva de xénero é miralo dende a igualdade para crear un mundo mellor”. A escritora exemplificou a mensaxe da iniciativa cun conto da súa autoría sobre a historia de dous irmás xemelgos, Margarida e Xoán, que ven como as mochilas do futuro da súa vida están cargadas de moi diferente maneira, a dela sempre con moito máis peso.
Finalmente, An Táboas, de Regalamúsica, fixo fincapé en que o audiovisual quere reflectir a idea principal de “xogar, e ao mesmo tempo, non perder de vista a mensaxe tan necesaria da igualdade, que os nenos e nenas aprendan desde pequenos e teñan claro que son iguais”. “Entre todos poderemos conseguir un mundo mellor con campañas como esta”, afirmou.