Sanidade inicia este domingo, día 27 de decembro, a campaña de vacinación da Covid-19 na Residencia Porta do Camiño, en Compostela.
A Xunta viuse obrigada a variar o plan inicial previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias da comunidade.
18.000 vacinas dende o martes
Segundo se informou no Consello Interterritorial, a segunda entrega de doses para Galicia chegará este luns, cunha cantidade aproximada de 18.000 novas doses. As mesmas non poderán empregarse até o martes, día 29, debido aos prazos que precisa a vacina para desconxelarse, e así poder subministrarla.
Nieves Cao, de 82 anos a primeira galega en recibir a vacina
As 500 primeiras vacinas de Pfizer-BioNTech chegaron este domingo pola mañá á residencia Porta do Camiño de Santiago. Nieves Cao, de 82 anos, unha das persoas que viven nesta residencia, foi a primeira galega en vacinarse esta mañá.
Simulacro de vacinación
Onte, Sanidade realizou un simulacro da vacinación. O mesmo empezou coa recepción das vacinas no almacén e, despois, na residencia. Comprobouse, tamén, o funcionamento do dispositivo do rexistro do control da temperatura de cada dose.
O simulacro consistiu no proceso de preparación das doses para administrar e o comezo da vacinación dos residentes, unha persoa cada cinco minutos na sala de vacinación.