A Área Sanitaria de Vigo continúa cos ‘cribados poboacionais’, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.
Veciñas e veciños de Tomiño
Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde, en colaboración co Concello de Tomiño, xa está invitando aos tomiñeses a realizarse unha proba diagnóstica no Covid-Auto do hospital Álvaro Cunqueiro. Esta mesma tarde xa se efectuarán as primeiras probas neste dispositivo.
900 persoas inscritas
Para isto, a poboación que de xeito voluntario decida realizarse a PCR, tense que inscribir previamente nun listado publicado polo Concello. Posteriormente, o SERGAS contactará con eles para darlles cita. Con este procedemento se garante una maior participación no cribado masivo, dado que se alguén se apunta voluntariamente, se presupón que non fallará á cita. Polo de agora, desde que esta mañá fora activada a inscrición, xa levan rexistradas a 900 persoas.
Elevada incidencia da COVID neste concello
Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos días nesta localidade. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten síntomas. Son as que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao estar en bo estado, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.