Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo, vén de denunciar a existencia de “baleiros de democracia” na cidade e demanda a súa urxente subsanación para “garantir a plena participación da cidadanía nas cuentións públicas”.
Non garantir a visualización dos Plenos do Concello por parte da veciñanza ou as “ausencias do alcalde das propias sesións plenarias son síntomas desta merma”, sinala a concelleira.
Orzamentos participativos
“A democracia é sobre todo participación, transparencia, e repartir o poder entre as máis, e por iso fai falla articular vías e ferramentas que garantan a participación da cidadanía na toma de decisións” sinala Oriana Méndez.
Marea de Vigo defende, por iso, “dende o 2015, ferramentas como os orzamentos participativos, para garantir que as decisións que teñen que ver coa vida da xente non se tomen só por delegación senón que se tomen tamén mediante a participación directa da cidadanía”.
Plenos gravados para a consulta por parte dos cidadáns
En primeiro lugar, Marea de Vigo demanda que os plenos do Concello de Vigo, nas súas sesións ordinarias e extraordinarias nas que se reúnen os concelleiros e concelleiras electas do Concello de Vigo queden gravadas e rexistradas para a consulta pública da cidadanía. “Trátase de sesións públicas por Lei e por tanto cómpre buscar a ferramenta para garantir esa publicidade e o acceso a esa información, aos debates dos representantes e das representantes públicas” engade a concelleira.
Ausencia do alcalde dos plenos da Corporación
Outra anomalía que urxe subsanar segundo Marea de Vigo é a ausencia do alcalde Abel Caballero aos plenos do Concello de Vigo. “É unha función do alcalde, tamén establecida por Lei, a de presidir o Pleno, ordenar o debate e polo tanto participar do mesmo e escoitar as propostas e as mocións dos grupos políticos da oposición alí presentes” suliña Oriana Méndez.
“É algo que non acontece no Concello, o alcalde érguese e vaise da práctica totalidade dos plenos pasados aproximadamente 10 minutos da súa presenza. Érguese e vaise desoíndo e en realidade desprezando as intervencións e as propostas dos grupos políticos da oposición“.
‘Escano do cidadán’
Por último, desde Marea de Vigo tamén sinálase a ausencia do “escano cidadán” dos plenos do concello. “Unha figura que permite a participación directa e a intervención oral directa da cidadanía e de representantes de colectivos cidadáns no pleno do concello, tal e como acontece en numerosos concellos de Galicia e do estado, moitos deles presididos por alcaldes do Partido Socialista” explica a concelleira. “Algo que non sucede no Concello de Vigo porque no ano 2016, cando se artellou unha modificación do Regulamento do Pleno do Concello, o Goberno local negouse a incluír esta proposta da Marea de Vigo que garantía a presenza directa da cidadanía nos plenos e debates do Concello” lembra.
“A democracia en política local ten que ver, sobre todo, co espazo da vida. Ten que ver coa vivenda, coa factura da auga, co transporte público, cos espazos e infraestruturas municipais que se poñen a dispor da cidadanía para o encontro, para o debate, para o fomento da creatividade” conclúe a concelleira.