O Concello do Rosal iniciará este martes, día 12, de xaneiro a primeira fase das obras do seu mercado. Trátase dunha reforma íntegra da praza de abastos para “convertela nun espazo vivo no que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente”.
Tres meses en obras
Os traballos de reforma do edificio terán un prazo de execución de menos de tres meses e un custo de máis de 207.000€. O mesmo irá a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.
O ‘mercado provisional’ na Escola Simón de Mazo
Para seguir ofrecendo o servizo á veciñanza, mentres dure a reforma do mercado, o Concello condicionou a Escola Simón de Mazo. Así, dende este luns os praceiros abriron os seus postos ao público neste edificio.