Ecoloxistas en Acción crea un mapa interactivo das árbores do Parque do Castro de Vigo para mediante a ubicación e identificacións dos exemplares protexelos das tallas indiscriminadas.
Tallas de decenas de árbores, en moitos casos con “criterios arbitrarios”
Os ecoloxistas advirten de no último ano realizáronse tallas de decenas de árbores dentro da execución do proxecto de iluminación da muralla e urbanización da fortaleza.
“Moitas das tallas se executaron con criterios arbitrarios, obedecendo máis ben a cuestións persoais e estéticas“. Esta eliminación persistente de exemplares semella ter “unha clara finalidade de clarexo para ofrecer limpeza de horizontes”. Esta discutida e controvertida actuación non parece realizarse con criterios paixasísticos e profesionais sólidos, xa que se tallan unhas árbores e outras non, sinalan.
Así cercenáronse os principais carballos americanos de gran porte que estaban catalogados e sen embargo non se xestionan axeitadamente os piñeiros, moitos deles secos en pé ou defoliados pola procesionaria. Esta defoliación é debida a que as trampas prásticas para as eirugas non son limpadas e as árbores se someten a tratamentos de fumigación. Tamén elimináronse setos e arboriñas, cun claro impacto na abundancia de bolboretas. “A diminución da biodiversidade é moi acusada e pon en risco o futuro do pulmón verde da cidade”.
300 exemplares
O mapa recolle case 300 exemplares identificados, permite consultar os nomes das árbores do parque e localizar aqueles exemplares mais destacables e xenlleiros. A organización ecoloxista pretende así poñer en valor as árbores do parque mais urbano de Vigo.
O parque, lembran dende Ecoloxistas en Acción, é a derradeira illa verde de suficiente tamaño para facer de “pulmón” o centro da cidade. Contén un amplo catálogo de especies de árbores ornamentais de gran valor ecolóxico, histórico e educativo. Por iso, o parque do Castro ten unha gran potencialidade como área para educación ambiental e achegamento dos cidadáns á fauna e flora.
Ecoloxistas en Acción pide a colaboración cidadana para completar o mapeo. Solicitan que se alguén detecta algún especimen sen ubicar lles sexa comunicado para incluilo no mapa.
Piden que o Concello non siga coas “tallas arbitrarias”
A ONG demanda ao Concello que “non continúe coas tallas arbitrarias” e aplique criterios de sostibilidade, de preservación da biodiversidade urbana e de respecto á historia da cidade e aos usuarios do parque.