O Concello de Nigrán realizará desde este venres 29 de xaneiro unha nova campaña para promover os pedidos a domicilio na hostalería do municipio.
A medida empeza logo das novas restricións anunciadas pola Xunta que, subliñan dende o Concello, “supoñen o peche deste sector, permitindo só a comida para levar”.
Como xa fixera en novembro
O Concello repetirá o modelo que levou a cabo durante o peche de novembro, “asumindo novamente as custas do reparto a domicilio mediante a contratación propia do servizo no termo municipal” e ampliándoo aos 7 días da semana (anteriormente era de luns a sábado).
Aberto o prazo
Os negocios interesados en figurar na guía que recompile todos os locais que fan envíos e/ou en contar co servizo de reparto gratuíto do Concello de Nigrán deberán enviar antes deste xoves 28 de xaneiro ás 23:00 horas un correo electrónico a comunicació[email protected] indicando os seus datos básicos -nome do negocio, especialidade, onde ver a carta e teléfono para pedidos-.
A guía distribuirase desde este mesmo venres a través de redes sociais e cartelería.