O presidente da Xunta pediu este venres en Vigo aos case 50.000 galegos citados polo Servizo Galego de Saúde, que acudan aos cribados que se realizarán, esta fin de semana, en 18 concellos das catro provincias.
330.000 persoas dende principios de ano, delas 80.000 na área de Vigo
Durante unha vista esta mañá á zona de cribado de detección da covid, situada no Ifevi, Feijóo salientou que, desde principios de ano e incluíndo a previsión ata esta fin de semana, a Xunta está a habilitar recursos para que máis de 330.000 galegos poidan someterse a probas diagnósticas nun destes cribados. “Deles, máis de 80.000 pertencen á área de Vigo”, dixo, incidindo en que se trata dun método rápido e seguro, posto a disposición para detectar portadores do virus.
“Animo a todos a acudir a estes dispositivos”, abundou, referíndose ademais aos cribados que se realizan nas residencias, nos centros sanitarios, no eido educativo e en grandes centros económicos e de produción.
47.000 persoas convocadas ata o domingo
Logo de resaltar que neste recinto, desde o inicio do dispositivo ata o domingo, están convocados preto de 47.000 persoas, Feijóo destacou tamén a posta en marcha dun programa de colaboración coas farmacias, para achegar kits de saliva a determinados grupos de poboación, coa súa análise en laboratorio e de xeito que de ser positiva a mostra se realice unha PCR.