O Bloque Nacionalista Galego denunciou hoxe en Vigo as “graves eivas” na tramitación das solicitudes do Ingreso Mínimo Vital (IMV). En rolda de prensa, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou “a violencia burocrática” no que cualificou de “xestión desastrosa”.
60.000 persoas en risco de exclusión social en Vigo
Igrexas subliñou que na cidade hai, segundo o índice Arope, máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza. Neste contexto, agravado polos graves efectos sociais da crise derivada da pandemia do coronavirus, xulgou inaceptábel a elevada demora na tramitación do IMV e os erros na súa resolución.
De 13.194 demandas resolvéronse 2.320, só un 17,5%
Nos últimos datos oficiais dispoñíbeis, do 19 de outubro do 2020, na provincia de Pontevedra realizaranse 13.194 solicitudes do IMV, das que se estima preto da metade corresponderían á cidade de Vigo. Destas máis de 13 mil demandas unicamente se resolveron 2.320. “Oito de cada dez solicitudes seguen sen atender, o que é o mesmo que dicir que oito de cada dez persoas que precisan unha axuda social de emerxencia segue a esperar por recibila”, afirmou Igrexas.
Aliás, o portavoz municipal nacionalista asegurou que a escasa tramitación está verificada no cativo descenso no número de persoas beneficiarias da Risga. “O Ingreso Mínimo Vital debera permitir superar a Risga, pero vemos como en Vigo pasamos de preto de 2.500 perceptoras da renda galega a 2.155. Isto é, que só 350 viguesas e vigueses pasaron da Risga ao IMV”, explicou.
Desde o Bloque defenden que para que o IMV sexa “unha ferramenta útil para as persoas empobrecidas e en situación de exclusión social é preciso que se despreguen medidas que garantan a súa eficacia”. “De nada serve recoller dereitos no BOE se despois non se fan realidade”, reprochan reclamando que aumenten os medios materiais e humanos para axilizar a tramitación das axudas.
Despois de cualificar de “verdadeiro desastre de xestión dunha axuda que é máis necesaria do que nunca”, Igrexas lamentou as expectativas frustradas das persoas que a solicitaron. Neste sentido, denunciou a “violencia burocrática” que se está exercendo contra os colectivos máis vulnerábeis na tramitación do IMV. Unha “violencia” que, segundo argumentou, se manifesta en forma nunha “demora case eterna na resposta á solicitude dos recursos”, na emisión de resolucións incorrectas, con persoas que perciben a metade do que lles correspondería, e na denegación “inxustificada” do IMV por causas subsánabeis. “Para o BNG é inconcibíbel que se denegue o acceso a unha axuda social de emerxencia como o IMV polo feito, por exemplo, de que unha das persoas da unidade familiar non figure inscrita como demandante de emprego. En calquera procedemento administrativo cabe a subsanación de erros, non entenedmos porque aquí se opta polo carpetazo“, lamentou.
Ao Congreso dos Deputados
O BNG de Vigo vai dar traslado desta situación, que afecta de maneira moi especial á cidade, ao deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, cun duplo obxectivo. Dunha banda, demandar transparencia, solicitando que se fagan públicos os datos reais da tramitación do IMV desagregados por concellos. E por outra, urxindo o Goberno español de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos a adoptar as medidas “organizativas ou normativas necesarias” para corrixir esta situación e facilitar o acceso ao IMV ás moitas persoas que o precisan.