Hoxe celébrase o ‘Día Internacional do Cancro Infantil’. Esta data ten o obxectivo de concienciar á sociedade sobre esta enfermidade e tentar que tódolos nenos e nenas teñan acceso a un diagnóstico e tratamento axeitado.
Índice de supervivencia do 80%
A oncóloga da Unidade de Oncoloxía pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), Cristina Lorenzo Fírvida, manifesta que “nun día coma hoxe é moi importante transmitir optimismo aos nosos pacientes e á sociedade en xeral. O índice de supervivencia do cancro infantil sitúase aproximadamente nun 80%, con progresivos avances ano a ano. Ademais, un obxectivo clave do noso traballo é a mellora na calidade de vida destes nenos e nenas. Neste ano, especialmente complicado, os nosos pacientes demostraron ser un exemplo a seguir na loita contra a COVID-19, polo que puidemos manter a nosa actividade asistencial sen documentarse ningunha infección”.
Non se pode previr
O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos.
Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.
25 novos diagnósticos
O cancro que afecta en maior medida aos menores é a leucemia. Séguenlle os tumores do sistema nervioso central e os linfomas
Durante o pasado ano, no CHUVI foron diagnosticados 25 casos novos (3 máis que no ano anterior). En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 160 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.
Nestes momentos, hai 10 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes.
O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan.
Atención integral
A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia.
Neste marco, a educación regrada é un elemento esencial. O Álvaro Cunqueiro conta cun Aula Hospitalaria.
Ademais da programación académica, préstase especial atención ás actividades lúdicas e de lecer. Trátase de que os nenos e nenas esquezan ou minimicen o trauma que supón a hospitalización, o chamado “síndrome hospitalario”, e contribuír a facerlles máis grata a súa estadía no centro.
Para isto conta coa colaboración de varias Asociacións como Bicos de Papel, ASANOG, Doutores Sonrisa, Magos solidarios de Abracadabra, Galiclown, os Bombeiros de Vigo ou a Cruz Vermella, entre outras. Aínda que este ano, por mor da pandemia, estas actividades presenciais tiveron que ser restrinxidas, algunhas deles continuaron ofertándose “on line”.