CIG, CCOO e UGT desenvolveron hoxe a primeira das protestas do calendario de mobilizacións convocado en “resposta á decisión da patronal do metal pontevedrés de suspender as negociacións para renovar o convenio colectivo provincial”.
Delegados/as das tres centrais sindicais levaron a cabo unha concentración en Talleres Fontán en Vigo, mentres que o día 11 trasladaranse a Valga para facer o mesmo diante de Urovesa. E o 24 de marzo teñen previsto celebrar unha asemblea de traballadores/as do sector fronte ao Náutico de Vigo.
14 xuntanzas sen acordo
Durante a mobilización de hoxe en Talleres Fontán, empresa situada na Avenida de Castrelos, despregouse unha faixa co lema “Contra a precariedade. Convenio digno xa!” e berráronse consignas criticando a actitude dunha patronal que decidiu romper as conversas tras 14 xuntanzas, “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”.
As centrais apostaron por saír á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores do sector “dunha modernización do convenio”. O novo acordo deberá recoller a redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia.