Comarcas

Os afectados polo peche da fronteira con Portugal teñen xa un rexistro para pedir indemnizacións

Hai que sinalar o tipo de perdas: tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe

O AECT Río Minho ten operativo dende hoxe o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira para solicitar posibles indemnizacións.

Pódese acceder ao mesmo entrando en smartminho.eu e sinalar datos sobre o tipo de perxuizo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais; aclarar se son particulares, empresas ou autónomos; o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio); o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada.

Máis de 92 millóns de euros en perdas

Todos estes prexuízos xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas, da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota.

As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano.

También te puede interesar