O Goberno de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario destinar medio millón do remanente a paliar os efectos da Covid-19 no concello.
Se no 2020 consignou 100.000 € á adquisición de alimentos e 20.000 para EPIS, nesta ocasión serán 220.000 € para axudas aos establecementos hostaleiros; 150.000 € para engrosar a mercadoría do Banco de Alimentos Municipal e 60.000 € para a compra de EPIS.
Estes cartos súmanse aos xa consignados no orzamento de 40.000 € para emerxencia social.
100.000€ en xullo
“En xullo destinamos 100.000 € do remanente a gastos de emerxencia social despois de que o goberno central permitise en marzo de 2020 que os concellos empregásemos o noso superávit, pasado un ano do inicio da pandemia os efectos socioeconómicos son devastadores, polo que nesta ocasión destinaremos 430.000 € a este fin específico”, explica o alcalde de Nigrán.
Juan González xustifica a decisión “ante o aumento dos usuarios do Banco de Alimentos e a situación precaria de moitos hostaleiros“. Con estas achegas o Concello garante cubrir as necesidades das persoas que o precisan de aquí a fin de ano. “Afortunadamente somos un Concello con aforros e sen ningún tipo de débeda, o que nos permite afrontar esta crise con recursos máis que suficientes, este é o momento idóneo para empregar o Remanente”, sinala.