Comarcas

Tomiño acondicionará a vía de acceso á praza de San Salvador de Tebra

A actuación dará prioriade aos peóns

Obras Tebra Tomiño

O Concello de Tomiño reformará a vía de acceso a San Salvador de Tebra. A mesma conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia. Esta mañá visitaron o lugar a alcaldesa Sandra González, a concelleira de Medio Ambiente, o concelleiro de Servizos Públicos e o arquitecto encargado do deseño.

Notable deterioro

A intervención suporá unha renovación completa do tramo, procurando “darlle coherencia coa urbanización da praza empregando materiais similares aos utilizados neste espazo”.

A actuación facíase necesaria dado o notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís. O proxecto formula unha modificación na sección da vía, actualmente formada por dous carrís para tráfico rodado e beirarrúas a ambos lados.

Prioridade aos peóns

A intervención procurará ampliar as zonas de uso peonil e reducir a de uso rodado, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais Isto permitirá reducir a velocidade dos vehículos pero mantendo a dobre dirección.

O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha de un metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Na beirarrúa máis ancha, situada na marxe dereita, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible.

O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 107.366,02 euros, que serán será financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.

También te puede interesar