O SonRías Baixas 2021 xa ten cartel e data de celebración. Este verán, do 3 ao 8 de agosto, Bueu converterase no escenario que acollerá a cita coa música ao vivo máis enérxica, divertida e festiva do panorama musical actual en Galicia.
Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conformarán o singular cartel deste SonRías. O festival que se transforma e que dobra a súa duración, de 3 a 6 noites.
Verán 2022
Así, a dirección do SonRías Baixas, logo de explorar e analizar diversas posibilidades, optou finalmente por adiar a edición de 2020 para o verán de 2022 e, no seu lugar, ofrecer un ciclo de concertos impregnado polo espírito SonRías.
Deste xeito, SonRías Baixas dobrará a súa aposta pola celebración de eventos ao vivo e ampliará a duración da programación do SonRías Baixas, que pasará de ter tres a un total de seis xornadas de concertos. Estea opción permite a PlayPlan programar dous actuacións ao día e ofrecer unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade de público e artistas no contexto sociosanitario actual; ademais de favorecer o coñecemento do Destino SonRías, no que as e os asistentes poderán explorar as espectaculares paisaxes e praias da contorna, degustar a gastronomía da zona ou mesmo navegar pola ría.
Programación
SonRías Baixas regresa aos escenarios cunha proposta coidada, na que destaca a actuación do mítico Kase.O, na que recupera o seu aclamado proxecto Jazz Magnetism. Xunto ao rapeiro, grupos como La Pegatina, Ciudad Jara, ISEO & Dodosound, Travis Birds e Muerdo tamén ofrecerán en Bueu o seu único directo de gran formato en Galicia este verán.
Horario nocturno
Os concertos do ciclo SonRías Baixas 2021 terán lugar en horario nocturno. A xornada inaugural, o martes 3 de agosto, contará coa música e cantareira Sés, que regresará aos escenarios galegos para presentar o seu último disco, Liberar as arterias.
Previamente, o dúo TéCanela avanzará algúns temas do seu vindeiro traballo discográfico. O mércores 4 de agosto será a quenda de Ciudad Jara, na primeira actuación que fará en Galicia, e Tu Otra Bonita, que se suma por vez primeira ao cartel do SonRías para dar a coñecer o seu cuarto álbum, Crema.
Ao día seguinte, o xoves 5, ISEO & Dodosound, revisarán acompañados de The MouseHunters algúns dos seus éxitos e darán a coñocer algúns cortes inéditos do álbum que publicarán proximamente; mentres que a música e compositora Travis Birds presentará por vez primeira nas Rías Baixas o seu segundo e aclamado álbum, La Costa de los Mosquitos.
Xa de cara á fin de semana, o ciclo arrancará o venres 6 coa actuación de Sabela. A cantante dará a coñecer o seu álbum debut, Despedida. A noite pecharase con La M.O.D.A., que regresan ao SonRías dous anos despois para presentar Ninguna ola, producido por Raül Refree co que se consolidan como unha das bandas de referencia no panorama musical estatal.
O sábado 7 será o día grande do festival e terá o rap como protagonista. O mítico Kase O subirá ao escenario do SonRías co seu Jazz Magnetism, disco do que se celebra o seu 10º aniversario e cuxo espectáculo. A noite completarase co Eterno Combate do grupo de rap galego SonDaRúa, que tamén se estrea no cartel do SonRías Baixas.
Peche
O peche deste edición terá lugar o domingo 8 de agosto da man de dúas bandas que xa pasaron por Bueu en anteriores edicións do SonRías Baixas: Muerdo e La Pegatina. Con elas, que presentan os seus novos directos, a festa final no SonRías Baixas 2021 está garantida.
Venda de entradas
As entradas para gozar do SonRías Baixas 2021 sairán á venda o vindeiro luns 24, ás 10.00 horas. Os tickets só poderanse adquirir na web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, e en www.enterticket.es.
SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos en función da disposición dos asentos preasignados. O prezo das entradas será de 23€, 26€ e 29€ segundo a relación de proximidade co escenario.
A organización comunicou por correo electrónico, ás persoas que dispoñen das entradas da 18ª edición que terán prioridade na prevenda de tickets.
Este prazo exclusivo para compradores activarase ás 18.00 horas do domingo 23 e finalizará ás 10.00 horas do luns 24. Ademais, como novidade, as persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 terán a posibilidade de transformar a súa entrada en saldo para poder adquirir entradas para os concertos do ciclo.
As persoas que prefiran gardar as súas entradas do 18º SonRías Baixas para a vindeira edicición do festival, no verán de 2022, poderán facelo sen problema.
Unha vez remate este período de venda prioritaria para o público habitual do SonRías Baixas, a organización activará a venda de entradas restantes para a poboación. Así, a partir das 10.00 horas do luns 24, poderán reservar os seus asentos na páxina web oficial www.sonriasbaixas.info.
Este ano SonRías Baixas tamén activará a venda de entradas para menores de 12 anos acompañados.
Para isto, á hora da venda de entradas, haberá a posibilidade de seleccionar este tipo de ticket, que terá un prezo de 10€ máis gastos de xestión.