O BNG de Vigo vén de reclamar ao alcalde que dedique, como mínimo, “a mesma enerxía e esforzo” a combater a grave crise industrial de Vigo que a que destina a promocional o “nadal colosal”.
Dende o BNG alertan do avance da desertización produtiva e lembran que “o PSOE opúxose a todas e cada unha das propostas que formularon, a través dunha moción, no Pleno do pasado mes de marzo”.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cuestinou que Abel Caballero “presuma da programación de nadal” en FITUR cando a cidade está atravesando unha grave crise industrial, con sectores estratéxicos como a construción e reparación naval nun “punto límite”.
“Feijóo patrocina o Xacobeo e Caballero as luces do Nadal”
Para o BNG, “Feijóo e Caballero teñen algo en común, a pesar de escenificar un total antagonismo. Feijóo patrocina o monocultivo do Xacobeo como única política de promoción económica e do emprego. E en Vigo Caballero promove o monocultivo das luces de Nadal“, reprochou.
A este respeito, o edil acrecentou que a promoción turística é importante pero que non será suficiente para paliar o “brutal efecto” que en termos sociais, económicos e laborais está a ter o devalar industrial.
Superar o modelo de “cidade ornamental”
O portavoz municipal do BNG chamou a “avanzar e superar o modelo de cidade ornamental e a política de aparencias”. Así, pediu que a acción do Concello se centre en atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, entre as que se atopa como prioritaria o dereito a un emprego digno e estábel.
“A cidade non é unha casa de bonecas xigante. Vigo é moito máis que unha fotografía. Vigo son as máis de 24 mil persoas que están no desemprego, as centenas que fan cola nas fileiras da fame ou as moitas mozas e mozos que foron expulsos á emigración por falla de oportunidades aquí”, enfatizou.
‘Negativa do PSOE‘
Desde o Bloque lembran que o grupo municipal socialista tombou unha moción do BNG, no pleno do pasado mes de marzo, na que se recollían unha serie de medidas concretas para combater a crise industrial.
“O PSOE dixo non a esixir que Xunta e Goberno español actúen a través da intervención pública para blindar o futuro do sector naval”, sinala Igrexas.
Tamén apunta o concelleiro do BNG que “dixeron non a demandar políticas específicas para fortalecer a industria da automoción” e, así mesmo, “dixeron non a alargar as políticas públicas de promoción do emprego, a principiar polo Plan Municipal de Emprego”.