A Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos para a provincia ao abeiro do Plan Concellos cun investimento de 1,1 millóns e que beneficiará a 15 concellos.
Trátase de catro achegas da Liña 1 de Investimentos por 783.475€ para os concellos de Marín, Moaña, Fornelos e Cangas, e doutras 16 achegas da Liña 2 de Amortizacións, pago de débedas, gastos correntes e actividades socioculturais por 332.973€ que beneficiarán aos municipios de Agolada, Barro, Bueu, A Guarda, Lalín, Moraña, Moaña, As Neves, Nigrán, Ponteareas, O Rosal e Vilanova de Arousa.
Marín
No caso da Liña 1, Marín recibirá unha achega de 202.464€, coa que poderá financiar a primeira fase das obras de humanización de viarios na zona de Pedreiras. A intervención ten o obxectivo de renovar e mellorar as condicións dos viarios existentes, amais de proceder á renovación das redes de servizos municipais que discorren por ditos viarios.
Fornelos
Doutra banda, Fornelos de Montes percibirá unha axuda de 142.455€ para sufragar as obras de acondicionamento de camiños en Estacas, Calvos e Fornelos. O obxecto deste proxecto é a mellora de cinco camiños: A Raposeira (Estacas); Monte de Atrás, Cima de Vila e Camiño da Taluda (Calvos) e o camiño das Perdices (Fornelos). En todos eles executarase unha nova pavimentación do firme e se mellorará a drenaxe das augas superficiais.
Cangas
No caso de Cangas, a achega de 157.040€ permitiralle sufragar parte da aportación municipal correspondente ao convenio coa Deputación para executar a mellora da seguridade na EP-1005 Viso-Hío.
Esta obra, presupostada en máis dun millón de euros, é unha actuación histórica nesta estrada provincial que vén dar resposta a unha longa demanda social e institucional para a adecuación deste viario.
O proxecto abrangue a totalidade do trazado da EP-1005, cunha lonxitude dun quilómetro.
O proxecto deseña unha senda peonil continua e crea dúas plataformas únicas de convivencia con prioridade peonil. Tamén terrá un novo firme e sinalización, sistemas de calmado de tráfico con pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade. Finalmente, unha iluminación eficiente a través da instalación de 43 farois led.
Moaña
Por último, o Concello de Moaña recibirá 281.513€ para poder financiar os traballos de humanización da contorna da praza do Concello. Trátase dunha obra dirixida a humanizar este espazo para darlle a prioridade aos peóns. Igualmente, renovarase a instalación de saneamento e abastecemento e crearase a infraestrutura para soterrar as liñas aéreas de servizos
Liña 2
No que atinxe á Liña 2 da Deputación, hai unha nova relación de achegas, por 232.973€. A mesma beneficiará aos concellos de Agolada, Barro, Bueu, A Guarda, Lalín, Moraña, Moaña, As Neves, Nigrán, Ponteareas, O Rosal e Vilanova.
Estas axudas servirán para financiar actividades culturais como o Espazo Musical Convida 21 (Bueu). Tamón Vive o Verán (Lalín),; Rock in Patos, Nigrán Area e o Concerto Inclusivo e o ciclo Sona Gaifar (Nigrán).
Tamén as Sonatas de Verán de Vilanova, a programación de actividades culturais e festivais en Ponteareas e A Guarda recibirá unha achega para a produción dun concerto.
Así mesmo, As Neves recibirá unha achega para sufragar a aportación municipal ao programa Musigal da Deputación. As achegas tamén están destinadas a afrontar o coste de distintos servizos municipais. Entre eles, como a compra de materiais de protección contra a Covid (Barro e Moraña). Tamén o servizo de xestión de portas abertas da piscina municipal de Bueu; gastos na conservación das estradas no Rosal ou os gastos de electricidade en Agolada.
Por último, aprobouse dentro desta Liña 2 outra achega de 100.000€ para Moaña. Trátase de axudas dirixidas aos sectores máis afectados pola situación pandémica.