Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG, alertou da “precaria situación” do Arquivo Pacheco de Fotografía.
O Bloque Nacionalista Galego demandou, coincidindo co 30 aniversario da adquisición do arquivo fotográfico por parte do Concello, o fun do seu “confinamento”. Así mismo, o Bloque denuncia o “reiterado incumprimento” do convenio asinado en 1991 por parte da administración local e a precaria situación na que se mantén o Arquivo, almacenado na Casa das Artes en condicións inadecuadas de conservación, coa dixitalización por completar e sen ser accesíbel para o conxunto do público.
Entre 120.000 e 140.000 imaxes
O concelleiro do BNG salientou a “grande relevancia” do Arquivo Pacheco, integrado por entre 120 mil e 140 mil imaxes (entre fotografías, negativos e placas de cristal). “O Arquivo Pacheco é a memoria visual de preto dun século Da nosa historia. A memoria é o soporte da nosa identidade, somos porque fomos, e o maltrato que padece o Arquivo lesiona esa identidade”.
Igrexas lamentou a continuada falla de compromiso por parte do Concello de Vigo en relación a estes fondos agás no período 2007-2011. “Incúmprense todos e cada un dos compromisos recollidos no convenio que permitiu que a cidade se fixese con este fondo fotográfico”, critica.
“Desleixo e desprezo do Goberno local”
O portavoz municipal nacionalista carga con dureza contra o “desleixo e desprezo” do actual Goberno local en relación ao Arquivo Pacheco. Igrexas lembra que de maneira reiterada rexeitaron as propostas e emendas orzamentarias formuladas polo BNG para dignificar a súa situación.
“O que merece o Arquivo Pacheco é ser conservado, dixitalizado e sobre todo exhibido, para que todas as viguesas e vigueses, todas as galegas e galegos, poidamos coñecer este incomparábel testemuño gráfico da nosa historia”, acrecenta.
Finiquitado o Centro Galego de Fotografía
Neste sentido, Igrexas volveu lamentar a decisión do Goberno de Abel Caballero de “finiquitar o proxecto de Centro Galego de Fotografía”, que debía albergar estes fondos, para dedicar o seu edificio a ser “despacho da presidenta da Deputación”.
Desde o Bloque chaman a poñer fin á política “suicida” que, segundo apuntan, practica o Concello no ámbito cultural, e a reverter a “situación inaceptábel” na que se atopa o Arquivo Pacheco. “É só cuestión de vontade política. O Concello conta cos medios e cos recursos para facelo”, sinalan.