A Biblioteca Pública Juan Compañel, de Vigo, xestionada pola Xunta, dedicará xuño aos contos de onte e ao Camiño Portugués no marco do Xacobeo 21-22.
Pola súa banda, o público infantil seguirá gozando ao longo do mes das habituais sesións de contacontos. A programación completa pode consultarse na web do centro bibliotecario.
Dende o martes, día 1
Así, a partir do vindeiro martes as persoas que se acheguen ao centro poderán coñecer a través da mostra bibliográfica ‘Contos de onte: que lían os nosos avós?’, as lecturas máis populares entre os rapaces da posguerra española, como o famoso TBO ou a saga de novelas infantís Celia.
Xa de cara ao verán e ao tempo de lecer, do 14 de xuño ao 30 de setembro instalarase a exposición ‘De caminho a camiño: o camiño portugués da costa‘, que descubrirá as etapas e lugares desta ruta, a prol do turismo de proximidade. Xunto a ela haberá un centro de interese con guías turísticas e obras vinculadas aos lugares senlleiros deste vieiro tradicional.
Público infantil
Canto ao público infantil, continúa desenvolvéndose o programa Os sábados, conto, dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Vero Rilo abre o mes con E a ti…que che contaban?, un espectáculo de narración oral que combina contos con xogos cotiás que xa non o son tanto, nun achegamento á memoria tradicional e familiar compartida. Será o día 5 con dúas sesións, unha ás 12,00 e outra ás 13,00h.
O sábado 12, César No presentará as historias dun príncipe que quería vestir de rosa, dunha princesa que desexaba ser pirata e dunha chea de animais que buscan romper cos estereotipos asignados a cada xénero, con Príncipes rosas e princesas pirata.
O día 19 péchase o programa con Mariña, contos nacidos no mar. Será da man de Raquel Queizás e dunha serea galega que viviu hai moitos anos e que sae da auga para compartir as súas historias.
Bebés
Os bebés ata 3 anos gozarán da Biblioteca dos pequenos o xoves 3, con Ana Facchini e os seus cantos e contos de animais en Bechiños; e o 17, cos Contos cativos de Charo Pita.
Obradoiro para o verán
Co gallo do comezo da programación de verán, o día 8 de xuño abrirase na Biblioteca Juan Compañel a inscrición para o obradoiro Steam 21. O mesmo se desenvolverá do 5 de xullo ao 30 de agosto en catro quendas de dúas semanas.
A actividade, dirixida a rapaces de 7 a 14 anos, realizarase de luns a
venres, de 10,30 a 13,30h. Nas sesións practicarase deseño e impresión 3D, programación con Scratch, Robótica con Mbots e Mini-Drons.