Tempos de transformación no Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández, visitou estes días as obras de mellora que se están a realizar no ramal de San Xián. Trátanse de traballos de asfaltado e de mellora de muros de contención que realizou a Deputación de Pontevedra neste tramo, que vai transferir ao Concello do Rosal e que une os dous núcleos da ribeira do Rosal con Goián.
En fase de adxudicación
De xeito paralelo, Concello e Deputación continúan a dar pasos para o a transformación radical da estrada entre Tabagón-As Eiras-Goián. O proxecto atópase xa en fase de adxudicación e prevese que as obras comecen a finais de verán.
Estes traballos suporán “unha transformación do Rosal en mellora viaria, mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais”. Os mesmos, subliña a alcaldesa, teñen coma obxectivo unha mobilidade sostible, dándolle prioridade aos peóns.
650.000€ de orzamento
Nas obras desta primeira fase do proxecto investiranse máis de 650.000€, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra. Con elas está previsto remodelar un tramo de 1,7 quilómetros dos 4,5 totais, nunha zona que conta cun intenso tráfico rodado e cunha importante mobilidade a pé.
Carril peonil e ciclista
Os traballos abranguen a creación dun carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación con dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Durante as obras tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Ademáis, disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.